Este domingo nunha nova entrega de “Ó Fío do Retrato”, achegaralles ata Cangas de Foz para falar con Antonina Semedo. Di Manuel Forcadela que o vento de Cabo Verde é un vento emigrante que chega máis alá de Burela. Mais Antonina ficou en Burela; para que ir máis lonxe se alí estaba o amor e o traballo. A pesar das súas tarefas, sempre en traballos humildes de emigrante, a coidar enfermos, a limpar, a recoller algas ou no campo, nunca deixou de cantar, porque ela ten por dentro o vento de Cabo Verde, ese vento de morna, ese vento de ritmos e de fado.
As voces de Cabo Verde habitan tamén en Galicia, outro país de saudade. Chámanse Batuka Tabanka e son voces de raíz, impregnadas de terra, voces como plantas arrincadas que levan dentro o desarraigo, mais tamén a sabedoría de centos de xeracións que cantaron antes. Batuka Tabanka, dúas palabras máxicas que xa son en si mesmas un manifesto e unha proclama