O documental monográfico “Ó Fío do Retrato”, que introduce a presentadora Nieves Rodríguez cunha peza significativa nas mans para cada caso, achega hoxe un auténtico supervivente, Cesáreo Pérez Patiño, que tivo a sorte de nacer na Illa de Ons e soubo facer deste feito un símbolo da felicidade, que deixa marca, coa forza da expresión oral, neste novo relato de persoas singulares, nacidas en torno aos anos trinta.
Polo fío deste novo relato, o fotógrafo Anxo Cabada achega a figura de Cesáreo, para contar a súa traxectoria vital, narrada como memoria persoal, familiar e colectiva. A historia de Cesáreo é exemplo de vida repousada e da harmonía entre o home e o mundo, pois érguese de mañá para ollar o horizonte, considerar o estado do mar e deixarse afagar polo sopro do vento. Mais para iso é preciso o valor de entregarse á loita pola subsistencia, en condicións de extrema dureza, para vogar durante unha chea de horas coa ameaza do mar e dos longos invernos. Cesáreo soubo facerlle fronte a todo isto porque tiña a illa como o mundo enteiro.