A Xunta de Goberno do CPXG congratúlase da absolución do colexiado Valentín Carrera, demandado hai algo máis dun ano por Cementos Cosmos S.A. que o acusaba dunha suposta intromisión ilexítima no Dereito ao Honor da empresa por causa do artigo de opinión “La Verdad sobre la Incineradora de Cosmos”, publicado en La Nueva Crónica en agosto de 2017.
O Xulgado de Primera Instancia número 6 de Vigo vén de «desestimar íntegramente a demanda interposta por Cementos Cosmos S.A. contra Valentín Carrera González» e, polo tanto, absolver ao xornalista, condenando ao pagamento das costas á empresa denunciante. A xuíza Álvarez Lagarón advirte na sentenza que o texto está “claramente baseado en datos obxectivos e plenamente amparado pola liberdade de expresión”.
O Colexio de Xornalistas xa advertira, cando a cementeira interpuxera a demanda, que a xudicalización dalgúns asuntos non pode ser a excusa para interferir con dereitos básicos para o exercicio do noso labor profesional, como a liberdade de información ou a liberdade de expresión. Naquel momento, lembrábase a Cementos Cosmos que o dereito de rectificación é a ferramenta xornalística para responder no mesmo medio e con igual extensión e relevancia gráfica ás supostas ofensas sen necesidade de acudir aos tribunais.
Porén, a cementeira rexeitou combater a opinión con opinión ou con datos e acudiu a uns tribunais que agora, afortunadamente, fallaron en favor da liberdade de expresión. O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia alédase desta feliz resolución e lamenta o tempo e esforzos gastados por Valentín Carrera e polos tribunais nun proceso innecesario que, agora máis que nunca, se revela como unha tentativa de coartar, a través da xudicalización e o medo, a nosa liberdade de prensa.
Ver en Xornalistas.gal.
–El Juzgado desestima la demanda de Cosmos contra Valentín Carrera.