por MIGUEL PARDO @depunteirolo, publicado en Praza Pública, 20 de setembro de 2012.

 

Valentín Carrera (Ponferrada, 1958) vén de presentar en Lugo As eleccións xerais do 20N na rede (Edicións Lea), un libro electrónico na que analiza a campaña dos últimos comicios estatais en Galicia nos medios online. O escritor e xornalista afonda nos retos dos políticos ante unha nova comunicación en Internet e non dubida en cualificar as campañas dos partidos tradicionais como “rancias”, tras advertirlles que se non reaccionan “poden perder a batalla dos medios alternativos”.

Como xorde esta obra?

Nas municipais de maio de 2011, eu e mais a miña compañeira Yolanda del Campo fixeramos un libro no que analizabamos o tratamento da campaña na prensa en papel tradicional, aínda que tamén abordamos algo o que ocorría na Rede. Daquela, aínda pensabamos no soporte tradicional, pero todo rachou coa irrupción do 15M, un movemento que rompeu todas as prácticas da campaña política. Este cambio estoupou nas mans dos candidatos, dos partidos e da sociedade… Foi unha bomba de reloxería nas redes sociais.

“O 15M rachou todas as prácticas da campaña política e estoupou nas mans dos candidatos e dos partidos”

E cambiaron o obxecto de análise…

Poucos meses despois convocáronse as eleccións xerais e xa era tal a transformación que nin pensamos en fixarnos na prensa en papel. O modelo tradicional quedou ultrapasado e ficou obsoleto. Por iso, esta obra céntrase nos medios en Internet, nos blogs de referencia, no Facebook ou no Twitter. Intentamos monitorizar e seguir todo o que puidemos durante aquela campaña e o resultado é esta obra de 200 páxinas.

Non é imposible seguir toda unha campaña en Internet?

É imposible monitorizar todo o fluxo da información que hai e por iso hai que facer unha creba e unha lectura selectiva. O libro está centrado nas redes, pero Internet é como unha fervenza na que nos mergullamos cun pequeño coador para seleccionar, obviamente dun xeito subxectivo pero honesto, e coa intención de que o lector teña unha idea aproximada de como se fixo a campaña na Rede. Hai cousas boas e cousas malas, como sempre.

“Que o perfil social non o leve o propio candidato é non entender a filosofía do Twitter ou do Facebook”

Están os políticos preparados para as campañas en Internet e nas redes sociais?

Os políticos aínda non navegan polas redes, son náufragos. Todos o somos, pero se cadra eles moito máis porque aínda non tomaron Internet e as redes sociais en serio. Teñamos en conta que durante a campaña do 20N había destacados políticos que non tiñan perfil nin en Facebook nin en Twitter ou que o fixeron de présa antes das eleccións ou que eran manexados por membros dos seus equipos e non por eles mesmos.

Que os perfís nas redes sociais non sexan manexados polo propio político é un dos principais erros?

Non é o mesmo, obviamente. Iso é non entender a filosofía do Twitter nin das redes sociais. Nalgúns casos houbo falta de sinceridade e noutros moitos un uso demasiado interesado, cando as redes non son permeables como moitos políticos pensan. As redes filtran nesa terrible fervenza de tweets e posts porque o lector sabe perfectamente o que quere e o que rexeita. O twitter publicitario perde inmediatamente o seu efecto e iso téñeno que ir notando nos partidos políticos. Houbo excepcións, porque si houbo candidatos que fixeron unha aposta sincera pola rede e que si interactuaron cos seus lectores, pero foron os menos habituais.

Que os perfís sociais de Rubalcaba e Rajoy se actualizasen mentres debatían en directo é un síntoma do mal uso das redes?

Ese tipo de cousas son un síntoma do mal feito. Os estados maiores dos partidos teñen moi pouca axilidade na súa comunicación e a inercia acábaos levando de novo polo camiño equivocado. Estamos vendo nesta precampaña electoral en Galicia que os candidatos viaxan a América ou continúan cunha morea de promesas electorais, unha práctica que nestes tempos de Twitter instantáneo é moi rancia. Empregar as redes para comunicar cousas rancias non implica que deixes de ser rancio. É así.

“As campañas rancias, aínda que se fagan en Twitter ou Facebook, seguen sendo rancias”

Son as campañas electorais rancias?

As campañas rancias, aínda que se fagan en Twitter ou Facebook, seguen sendo rancias. As redes abriron o debate, pero os partidos seguen facendo a súa comunicación en Internet de forma vertical, de arriba cara a abaixo, sen ter en conta que a cualidade principal da Rede é precisamente iso, que é unha rede onde non hai un punto dominante. Aínda non aprenderon. Os políticos teñen que mudar a conduta. A rede transpira o que os políticos fan e é moi transparente Ao final é moi complicado enganar a todo o mundo todo o tempo.

De verdade cre que son tan importantes as redes sociais nunha campaña electoral?

Creo que nas redes vaise disputar unha boa parte da campaña, especialmente para os partidos pequenos. Ás formacións máis humildes, as redes sociais permítenlles facer un boca-orella moi efectivo sen necesidade de investir moitos cartos. Os pequenos partidos estano facendo bastante ben, pero nos partidos galegos queda moito por aprender…

Que lles queda por aprender?

Os políticos seguen instalados nunha comunicación vertical que é moi cuestionable. Os partidos semella que non se dan conta que cando un vai a un mitin ou escoita unha intervención dun político, acabará tuiteando dunha maneira intuitiva cousas que o partido non quere escoitar, pero isto é así. E pasa con máis cousas. Mentres nun congreso dunha formación se transmite unha liña oficial, no Twitter o discurso vai por outro lado.

“Os partidos deben decatarse de que xa non controlan a mensaxe e que deben entrar na conversa e participar; se non o fan, están fóra”

Daquela, avanzaron algo os partidos galegos?

Non vexo cambios nin no PP, nin no PSdeG nin no BNG. Deben decatarse xa de que eles non controlan a mensaxe e que deben entrar na conversa, participar… Se non o fas, estás fóra. Nos partidos máis grandes tardará máis en chegar esta mudanza, pero é certo que nos máis pequenos hai máis axilidade porque teñen máis asumida a importancia de Internet.

Pero Galicia é un país con moita poboación envellecida sen acceso a Internet nin uso de redes sociais…

É evidente que hai moitos xornais tradicionais en papel que chegan a un sector determinado da poboación, pero tamén é verdade que a xente de 30 anos para abaixo xa non le periódicos. Ou chegas á xente nova a través do móbil, o Ipad e o ordenador, ou non chegas. Para chegar á terceira idade válenche moitos medios tradicionais, pero non cos máis mozos. Ademais, cada vez hai máis xente de máis de 40 anos que se está pasando á prensa dixital e que opta por informarse nas webs ou nas redes sociais. Os hábitos están cambiando.

Poden decidirse as eleccións polo maior ou menor influxo dos partidos na Rede?

Os partidos non poden desprezar ese público de Internet porque poden perder a batalla dos medios alternativos. E aí, como recoñecen os partidos, tamén se pode perder un voto que pode determinar que se gañe ou non un escano. Hai partidos que seguen a cultivar a prensa tradicional como se estivesemos nos anos 80 e fano porque non saben desenvolverse neste novo mundo, no que hai que estar moi áxil e coas antenas abertas. Non vexo os nosos políticos preparados aínda, sinceramente.

Ver en Praza Pública