O fotógrafo Anxo Cabada visita a facultade de Medicina de Santiago para falar coa científica Victoria Lareu. Con ela mergullaránse no laboratorio para descobrer que agochan as moléculas da vida.
Di Manuel Forcadela que de alá do fondo dos xenes, dun lugar que está aínda máis lonxe que o sangue, chega Victoria Lareu, con bata e microscopio, a mostrarnos as orixes. Unha muller e unha ciencia, sempre a traballar, sempre a formarse, a ampliar coñecementos, porque o límite é insondable, e todo o que sabemos a día de hoxe será moi pouco mañá ou pasado, cando o saber dea unha nova viravolta e cheguen novos datos e con eles novas prácticas, e con elas novas curacións.
Porque ese é o reto desta aventureira do interior, embarcada nunha singradura que se leva por adentro e ten que ver coa esencia e coa distancia. A aventura de achegar o pasado a través do refugallo do presente, de encontrar tesouros agachados en partículas e restos, signos que alguén deixou sen querer, mais que deciden vidas e condenas, proban crimes cometidos ou exculpan acusacións.