Si te gusta, comparte:

O fotógrafo Anxo Cabada tirará do fío de José Luis Torrado. En palabras de Manuel Forcadela, Torrado pertence a esa longa tradición dos sandadores, dos curandeiros ou curadores, que Cunqueiro retratara na súa fabulosa Escola de Menciñeiros. Home sabio e curioso representa a día de hoxe iso que os gregos denominaran filósofo, palabra que, máis que por amante da sabedoría, poderiamos traducir por curioso, o que non se contenta co que sabe e quere aprender máis e máis.

Deportista, o afán de Torrado por coñecer centrouse no estudo detallado do corpo, o que lle valeu unha reputación envexable como terapeuta de doenzas musculares e deportivas. Esta loita contra o padecemento dos outros, contra as dores e as molestias, contra o sufrimento, á procura sempre de vías alternativas dentro do que coñecemos como medicina natural, é a que define a súa vida. As perturbacións do corpo, os trastornos musculares, as alteracións do sistema biolóxico de deportistas e viandantes, foron obxecto da súa alquimia.

Todo isto non lle impediu viaxar para coñecer o mundo, desde África á China ou a Australia, á procura do contraste co propio, sempre observador e atento, cobizoso de engadir á súa bagaxe novos coñecementos, dos que este domingo conversa con Anxo Cabada no fío do seu retrato.