Si te gusta, comparte:

Anxo Cabada, condutor de “Ó Fío do retrato”, achegarase nesta entrega ás terras de Beade, en Ourense, para falar con Pablo Rodríguez Oitabén, debuxante, pintor e, máis que nada, ecoloxista.

Nas verbas de Manuel Forcadela, Oitabén é, antes de máis, un defensor da terra, e de todos os seus habitantes, sexan estes humanos ou non. Os mouchos e os raposos, as curuxas e os cervos, teñen nel un grande amigo, o seu conselleiro e confesor, alguén fascinado por esa habenza e que teima en encontrar o modo de que o tesouro non se perda.

A terra é o seu asunto, o seu amor. E froito deste amor á terra xorde a Asociación Ridimoas e iniciativas como a compra dunha grande extensión de terreo para reserva natural e refuxio de especies ameazadas, unha extensión que medra co contributo de persoas interesadas no seu proxecto de conservación.

Pablo Rodríguez Oitabén é, tamén, artista plástico, partícipe da revista Vagalume que, durante moitos anos, dispuxo sobre a colectividade infantil de Galicia a maxia das súas historias e deseños e ficou como un dos fitos da historia da nosa banda deseñada.

Emitido por TVG 7/8/2011.