A escritora Mª Pilar Campo Domínguez, coñecida como Marica Campo, será hoxe a protagonista de “Ó Fío do Retrato”, programa que recrea a tradición oral de vidas que agroman pola súa maneira persoal de encarar a existencia. O espazo da Galega viaxará a terras lucenses, a Val do Mao e a Guitiriz, para acompañar a Marica no percorrido pola súa vida, en que fixo da literatura unha ferramenta na procura da súa liberdade.
Poeta, profesora, escritora de letras e cancións, a súa experiencia vital está marcada polo amor á palabra: a palabra escrita, a palabra cantada, a palabra falada, é dicir, a palabra en todas as súas dimensións. A infancia de Marica Campo no Incio deixou a súa pegada, a dos bosques solitarios poboados por soños infantís, a lectura -comunal ou en soidade- e a vontade de escribir, e todo isto na soidade dun mundo rural, cheo de maxia para os nenos.
O traslado de Marica a Lugo, desde a casa de campo a un piso da cidade, supón a primeira marca do seu desarraigo, deixando atrás as mazás reinetas, as madreselvas e o son do arrolo das pombas. Logo, o seu amor pola palabra levouna a compartila cos demais, como mestra e tamén como escritora, cunha serie de libros que a foron convertendo nunha das figuras máis senlleiras da nosa literatura viva.