Tirando do fío de vidas singulares, o documental monográfico retrata hoxe a historia de Evangelina, “A nai do mar”, que nos introducirá a presentadora Nieves Rodríguez, cunha peza nas mans significativa deste relato peculiar. Desde a praia do Castelete, o fotógrafo Anxo Cabada achega o relato de Evangelina Lago, patroa maior da Confraría de Mariscadoras de Vilanova de Arousa, desde unha perspectiva humana e coa forza da expresión oral.
Os protagonistas do relato, que se converten no fío condutor que conecta o pasado co futuro, contan as súas experiencias e traxectoria vital, narrada como memoria persoal, familiar e colectiva. Así, hoxe, da figura de Evangelina emerxe a muller de mariñeiro, a mariscadora, a labrega, pero tamén a muller de fóra da casa, porque ela é solidaria e defensora das causas xustas e humanitarias.
Evangelina leva marcada no rostro a loita pola vida dunha muller que sabe o que é erguerse a horas intempestivas para mariscar ou percorrer sen descanso os areais do litoral, á procura do tesouro das ostras, das navallas ou das ameixas. Fosen cales fosen as inclemencias do mar e do tempo, esta muller aprendeuno todo desde a infancia, na dureza das condicións de vida, na dificultade dos afectos e na disolución da familia.