Unha ollada ao cambio climático. Un documental de Valentín Carrera.
Estrea: mércores 5 de xuño, Día Mundial do Medio Ambiente.
23 h., As noites temáticas de TVG2
Primeira parte: Desde Galicia á Antártida.
Segunda parte: Desde a Antártida á Galicia.
2 x 26 min, en galego
O Antropoceno na casa: Unha ollada o cambio climático é un documental (2 x 26 min.) escrito e dirixido para TVG por Valentín Carrera, o único xornalista que participou dúas veces nas campañas españolas na Antártida: hai trinta anos, na primeira expedición, no verán 1986/87, e recentemente, na XXX Expedición Científica, coa que conviviu durante cinco longos meses nos mares de xeo.
¿Por qué falar do Cambio Climático e por qué desde Galicia? Aínda que hai negacionistas, ao estilo do presidente americano Trump e outros, as evidencias do cambio climático son aceptadas amplamente na comunidade científica. Falamos de “efecto bolboreta” porque, como se explicará visualmente, todo o que pasa en Galicia repercute na Antártida e todo o que está a pasar na Antártida ten efectos en Galicia. “Todo está relacionado”, dicía o gran humanista Alexander von Humboldt, aínda que estea, como Vigo e Illa Decepción, a catorce mil quilómetros de distancia.
Dende hai anos, en Galicia temos un amplo e moi cualificado grupo de científicos galegos traballando na Antártida e no cambio climático, con presenza recoñecida en foros internacionais. Trátase, por tanto, de por en valor o traballo das científicas e científicos galegos e pedirlles que nos axuden a comprender os fenómenos do cambio climático, o quecemento global, a contaminación de CO2 e tantos outros feitos novedosos e as veces estranos, que nos preocupan a todos: ¿Hai cada ano menos polvo e menos sardiñas? ¿Menos días de xeadas e máis días saharianos? ¿Adiántase a primavera e xa non marchan as aves migratorias? ¿Aparecen especies tropicais nas rías galegas? ¿Qué está a pasar…? [Evidencias climáticas tomadas do Informe 2016, Xunta de Galicia].
É tempo de dar respostas a moitas preguntas sobre o impacto humano na Terra (o chamado Antropoceno) e o efecto búmerang que a terra nos vai devolver.
O autor do guión e fío condutor dos documentais é Valentín Carrera, Premio Galicia de Comunicación, cunha longa traxectoria como realizador no audiovisual galego —con máis de cen producións de series e documentais—, e autor de tres libros sobre as expedicións científicas españolas: Viaje a los mares de la Antártida, La aventura de la Ciencia en la Antártida y Gabriel de Castilla, avistador de la Antártida.
Estamos pois a falar de dúas pezas de divulgación científica, dende o rigor e a obxectividade dos investigadores e investigadoras participantes, e de máxima actualidade. O relato da investigación climática na Antártica inclúe tamén a aventura humana, moitas horas de navegación e traballo duro no campo ou nos laboratorios de fortuna.
Coa colaboración científica de Lucía Viñas, Carmen Piñeiro, Ana Ramos, Jesús Troncoso, Augusto Pérez Alberti, Mariano Lastra, Xavier Fonseca, José Luis Lorenzo Colón y Xosé Antón Padín.
Links:
—Web del Proyecto CLIGAL: http://siam.xunta.gal/presentacion-del-proyecto-cligal.
—Web Cambio Climático de la Consellería de Medio Ambiente de la Xunta de Galicia: http://cambioclimatico.xunta.gal/.