Si te gusta, comparte:

Cando Compostela se empeña en chover, só os expertos en cruzar soportais e camiñar de lado, coas costas pegadas aos altos muros de San Paio de Antealtares, son quen de chegar sans e salvos á Borriquita de Belém, ese recuncho froiteiro onde aniña a liberdade feita música.

Música para conxurar a maldición dos concelleiros xordos. Xa o escribiu Rosalía, “¡Concelleiros do PP, tratade ben vos músicos; cando van, van como rosas, cando ven, ven como…!”. Non son versos da Rosalía feita bandeira polo seu atorrante marido, Murguía (esa historia está por contar), senón a Rosalía fecunda e libertaria que canta Narf no seu último libro-disco, Nas tardes escuras.

Cando Compostela chove, sanadora e limpa, derrama un repiqueteo de timbais, platillos e caixas que anticipa a percusión de Narf Trío: á batería Lar Legido, ao baixo Alberto Rodríguez Ho-chi-Min, e á guitarra e voz, Fran Pérez, Narf, multiartista, estreando madurez, enerxético.

Narf, ex Nicho Varullo cunha intensa traxectoria, non admite etiquetas sinxelas; só alguén libre como el podía achegarse a Rosalía con tanto respecto como frescura, para darnos unha poetisa cuxos versos na guitarra desgarrada e contundente do boss Narf Springsteen soan a Patti Smith en Bastavales. Nas tardes escuras, editado por El patito editorial reúne unha ducia de poemas convertidos en canción, como Amores cativos, Nunca suspiro ou Bos amores. Un disco que os críticos saudaron con entusiasmo: “Un dos creadores máis interesantes do panorama musical galego”, “Narf sacode a Rosalía”, “Rosalía soa dolorida pero desafiante”.

Cando en Compostela chove, será bo será ter a man o disco de Narf para unha urxencia; mais, si a ocasión chega, non vos perdades o directo de Narf Trío. A outra noite, entre as pedras da Borri, cando arrincou o baixo e a voz rockeira creceu como unha onda contra as rochas nas tardes escuras, as nubes que cubrían a Quintana gardaron respectuoso silencio.

Só os concelleiros xordos de Santiago, novo somatén da cultura, vixiaban as rúas e a policía patrullaba buscando a Rosalía, esa perigosa rockeira que o 22M foi vista do ganchete de Narf manifestándose pola dignidade.

Web de Narf
Nas tardes escuras
Aturuxo
El País: Narf sacude a Rosalia
e de agasallo o Facsímil de Follas Novas