Si te gusta, comparte:
Dentro das diversas propostas do Maio Cultural Galego de 2008 e co gallo do Ano Europeo do Diálogo Cultural, Rede.cat promove diversas iniciativas. Entre elas, dou diálogos: unha mesa redonda sobre as relacións entre Galiza e Marrocos, no Centro Galego de Barcelona, e no Ateneu Popular de 9 Barris presentarase o espectáculo «Humor Neghro», no que comparten humor, teatro e música un galego e un guineano.

A mesa redonda «Galiza e Marrocos. Encontro na diferenza» xunta no Centro Galego de Barcelona á xornalista e filóloga hispánica Zoubaida El Fathi, directora e presentadora do Telediario español da Televisión Marroquí; a Valentín Carrera, xornalista, escritor, realizador e produtor audiovisual; e a Mohammed Chaib, deputado no Parlament de Catalunya e presidente da asociación socio-cultural Ibn Batuta.

Antes da mesa proxectarase un capítulo da serie «HANAN, de Galicia a Marruecos«, dirixida por Valentín Carrera, director da promotora audiovisual Ibisatv, e realizada coa colaboración de Zoubaida El Fathi. A serie, que ten coma fío condutor unha nena galega de ascendencia bérber, Hanan, pretende xunguir os elementos humanos, económicos e culturais comúns entre Galiza e o norte de África (a pesca, o téxtil, a construción, a emigración…) para enfrontalos aos tópicos que separan os pobos.

O espectáculo de teatro e música «Humor Neghro», de Carlos Blanco e Manecas Costa, leva dende xaneiro percorrendo Galiza e tamén pasou por Portugal. Presentados por As Garotas da Ribeira, os artistas xuntarán no escenario o humor, a emigración e as diferenzas e similitudes das culturas que representan, Galiza e Guinea-Bissau, afastando tópicos e salientando o que as une: un mesmo xeito de ver a vida.