Si te gusta, comparte:

 

Ver PLANETA OCÉANO ESTRESADO EN LA SECCIÓN A CARTA DE TVG.

Emitido por Televisión de Galicia el 8/6/2021.

Na primeira parte, observamos os factores de tensións do océano e o seu impacto no mar de Galicia: quecemento, exceso de C02, variación da corrente do golfo, acidificación, perda de especies: como o mar está enfermo. Nesta segunda entrega, Coidar a despensa, Sara Couce e Guillermo Carracedo —interpelados nas redes sociais polas voces dun grupo de milenials— bucean nas profundidades dun mar cheo de plásticos, microplásticos e nanoplásticos; e pregúntanse que poderiamos facer ti e mais eu para cambiar a saúde do mar e do planeta.

As prodixiosas imaxes submarinas de Jorde Candán (bicampeón Mundial de Vídeo Submarino) nos adentran no abismo dun mar invadido polo plástico e o lixo: redes pantasma, vertidos de petróleo, lixivias e deterxentes das lavadoras, augas fecais sen depurar e todo canto converte o mar na nosa propia cloaca.

O documental aborda a destrución e morte de corais —seres vivos imprescindibles para a saúde do ecosistema— polos efectos do cambio climático, e o impacto da acidificación, a extracción, a escorrentía agrícola, a contaminación e a sobrepesca: “Sen as algas, rompe o equilibrio simbiótico do coral, co que todas as especies que alí habitan, incluídos os pólipos, acaban morrendo. O dez por cento dos arrecifes de coral xa están mortos, e o sesenta por cento dos arrecifes de coral está en risco”, di a científica galega Deborah García Bello.

Somos tan irresponsables —din as voces dos milenials na súa conversa con Sara Couce e Guille Carracedo— que sementamos a nosa propia desenpensa de pezas de lixo que se rompen e descompoñen en microplásticos, capaces de aloxarse en sedimentos, de camuflarse co plancto e as algas; e de ser comidos por peces e aves mariñas. Un millón de aves e cen mil mamíferos mariños morren cada ano pola polución plástica; e o problema agrávase cos pesticidas e herbicidas usados en agricultura, que producen altas concentracións de fósforo e nitróxeno e alteran as poboacións de algas, e crean áreas inhabitables para os peixes: zonas mortas, moitas delas irreversibles.

A xeito de conclusión, esta peza documental escrita e dirixida por Valentín Carrera para TVG, invitanos a tratar o mar cun inmenso respecto, coma se cada metro de costa fose a nosa propia bañeira; ou unha despensa, sempre aberta e xenerosa, un agasallo da natureza: “Devolverlle ao mar un pouco do moito que nos dá: alimento, saúde, beleza, deporte, vida. Saímos do Océano e non podemos vivir sen o Océano. Somos Mar”.