Si te gusta, comparte:

 Escribo estas liñas aínda conmocionado pola nova de que Superpiñeiro volta con programa estrela á grella da Televisión de Galicia. Sen demérito de Xosé Manuel Piñeiro –non é o meu comunicador favorito, mais por él, ¡chapó!-, supoño que a súa contratación fíxose escollendo concienzudamente entre ducias de traballadas propostas e proxectos das catrocentas productoras galegas (ou non), con estrictos criterios de calidade, novidade, rendabilidade e, por suposto, todas elas en igualdade de condicións e méritos.

É dicir, supoño que a contratación de Superpiñeiro fíxose como se ven facendo ininterrumpidamente nos últimos vintecinco anos da Galega, incluídos os anos máis benignos, nun concurso público, con luz e taquígrafos, aberto, claro e transparente. Porque estamos a falar de cartos públicos, ¿non si?

A noticia chegou o meu tornarratos nun tuit mentres escoitaba no Parlamento, hai tempo, a intervención do Director Xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, na Comisión de Control do Parlamento Galego. Algunhas das cousas que alí se dixeron foron tan frikis que lle mudou o careto a Diego Sarmiento, conde de Gondomar, vixiante ó pé das carabelas, dende o seu tapiz, estilo  novo mundo.

As dezaseis páxinas da comparecencia de ASI conteñen un relato coherente do que está a pasar na CRTVG, no sector audiovisual estatal e galego e, sobre todo, unha confesión de impotencia na solución dun problema de fondo que excede claramente as competencias, e mesmo as funcións, do director xeral. Teñen a palabra –a solución- as súas Señorías, ás que certamente vin algo despistadas ou ausentes. Nas comisións, as Señorías que non falan semellan convidados de pedra: uns, como Anxo Quintana,  leían o resumo de prensa mentres interviña a súa compañeira de grupo; outro, Lage, xogaba coa tableta: non me sorprende que logo Moreda os chame, “esos do Twitter”.

Pedimos ós nosos fillos que presten atención e collan apuntes nas clases de Matemáticas –tarefa catalogada pola OMS na incitación á violencia doméstica- e non lle dicimos nada ós nosos deputados. Non vin ó Presidente da Comisión chamar á orde ós alumnos distraídos nin hai indicio de que ós suspensos lle desconten as dietas.  Eiquí aínda non chegou o berro do 15M. Mais, non adiantemos acontecementos.

Presididos pola solemnidade do Conde de Gondomar, ASI desbrozóu o seu informe anual preceptivo “sobre o servizo público”, dándolle o perfil de auditoría social. Esquécese ás veces que estamos en Europa, somos parte do seu mercado común, regulado pola Directiva Europea de Servizos Audiovisuais, na que se definen os criterios que debe cumplir unha televisión para ter a consideración de “servizo público”. E que neste mercado único europeo, o financiamento de TVE, TV3, TVG e de tódalas televisións públicas é revisado pola Comisión Europea. A Lei Galega  do Audiovisual –outra asignatura pendente, reclamada por ASI- terá que remachar o papel estratéxico da TVG no marco da Directiva Europea, cautela que por si mesma é unha garantía frente a tentacións privatizadoras, por exemplo.

O Informe 2010 do Director Xeral refírese a un ano intenso na industria audiovisual: apagón analóxico, eliminación da publicidade en TVE, reaxuste e fusión de televisións privadas,  explosión de canles TDT e fragmentación das audiencias. “A maior competitividade en canto ao número de actores no mercado –afirmou ASI- non se traduciu nun aumento na calidade da programación”. ¡Aí che quero ver!

“Por iso –sigo citando- é preciso, máis ca nunca, unha televisión pública que dote de certa estabilidade o mercado audiovisual, axude á creación de contidos de calidade, fomente a aparición e a consolidación de empresas audiovisuais no eido galego e non se rexa por tendencias mercantilistas da programación, esquecéndose dos targets menos comerciais”.

É imposible non estar plenamente dacordo co Director Xeral da CRTVG e por iso dixen que estou seguro de que a recente contratación de Superpiñeiro na grella do verán da TVG, fíxose con criterios de calidade, non mercantilistas, e atendendo ós targets menos comerciais, tantas veces esquecidos na TVG, como son as verbenas e parrandas musicais.

Aínda que ditos e feitos non sempre vaian acompasados, eu non dubido –porque o coñezo- da sinceridade de ASI cando afirma con rotundidade que “a existencia duns medios de comunicación públicos en Galicia e en galego ten máis razón de ser que nunca, sobre todo se queremos que sirvan para a protección antropolóxica da cultura galega, e moi especialmente do seu idioma.”

Éste é o cerne do debate. Se logo subiu ou baixou o endebedamento (sembra que baixou tres millóns) é secundario, pois todo o que se gasta na CRTVG é solto, falando en termos absolutos, na perspectiva galáctica que podería ter un Pepe Blanco: catro travesas do AVE mal postas.

O que debería escandalizar é que pasaran –en verbas de ASI- “19 anos sen un proceso de consolidación de emprego na CRTVG”. ¿Onde estivo en estos vinte anos de precariedade laboral a definición europea de Servizo Público? Ogallá a convocatoria de oposición publicada no DOG o pasado 2 de febreiro remate cunha conflitividade laboral que lastra a calidade e o bó funcionamento dos medios públicos galegos.

Tras o informe, tocóulle a quenda á deputada do BNG Ana Pontón, excelente parlamentaria –por fin, alguén coa cabeza ben amoblada, digna sucesora de Pilar García Negro que deixou moi alto o nivel nesta mesma Comisión-. Co seu discurso articulado torceu o morro o Conde de Gondomar e enchéronse de ledicia as tres gracias espidas pintadas por Quesada con cabezas de mouchos e paxaros.

Ana Pontón laiouse de non poder introducir preguntas na orde do día. Lamentou o peche das delegacións de TVG en Porto e Bruselas, criticou os tribunales das oposicións laborais en marcha, a manipulación dos informativos, a supresión dos debates plurais, “a tres”; e, finalmente, preguntou polo descenso dos ingresos, polos tres millóns de euros do Xacobeo, evaporados no éter, e pola inversión do 6% en produción independente, que a TVG ten obriga legal de facer, “e non fai; gástase máis en alugueres e platós que en coproducións”, anunciando posibles accións xudiciais. “Non hai convocatoria do Plan do apoio ó sector e xa estamos en Xuño; que siga emitíndose Platos combinados, roza o esperpento, e as telenovelas, ¿que teñen que ver co servizo público?”.

Ricardo Varela, voceiro do PSdeG, revoloteou polo aire sen entrar no choio, facendo xuízos de intención, mais sen aportar razóns: “Nego a maior –replicou Varela a Izquierdo-, a TVG non é unha tv pública, é unha tv pagada maioritariamente con cartos públicos, pero non é pública, porque está destinada a ser unha tv de partido, ao servizo do Presidente da Xunta e do PP. Ademáis, é unha tv moi cara (sic), porque non cumple os seus obxectivos”. Rematou falando dun cadro  de persoal “caro e conflictivo” e dun abandono do sector audiovisual, cunha caída do 80% nas coproducións, incumprindo a lei do 6%.

O voceiro do PP Agustín Bahamonde limitóuse a unha faena de aliño,  tan amable e comedida, felicitando tanto o comparecente, que podería ser nomeado  como o deputado máis afable da lexislatura. Sorprendéume, por certo, que ningún dos tres voceiros falaran entre si, ou se mencionaran. Tanta democracia formal, tanto procedemento, afoga o debate, a frescura: non existe o feedback; só hai compartimentos estancos, sen diálogo.

Sánchez Izquierdo pechou o círculo, voltando ó debate do Servizo Público, “a solución do problema laboral require de decisións estructurais que exceden a capacidade do Director Xeral; ten que resolverse na nova lei da CRTVG”. No que atinxe á inversión do famoso 6% en producións independentes, Izquierdo devolveu a pelota con habilidade a Pontón e Varela: “Penso que a TVG está cumprindo coa máis estricta legalidade, pero se hai unha reclamación, non vai ser só do 2010, espero que inclúa os cinco anos anteriores”. Pois eu tamén o agardo porque ao sector non lle saen as contas.

“E si –rematou Alfonso Sánchez Izquierzo, mentres Ana Pontón asentía cargada de razón- estou dacordo en que sería bó facer unha fonda reflexión sobre todo o sector audiovisual galego”. Eu lembrei entón aquel consello para facer a maleta cando vas saír de viaxe: “quita a metade da roupa e mete o dobre de cartos”. As tres gracias espidas de Xaime Quesada sorriron. Levántase a sesión.