O ex-presidente de Pescanova, Manuel Fernández de Sousa volve mañá ao xulgado do Mercantil nº1 de Pontevedra onde se celebra a vista pola demanda por despido improcedente que interpuxo contra a compañía.
É o último capítulo da grave crise que lle afecta ao grupo empresarial e da que trata o último traballo de investigación do xornalista Valentín Carrera. Con el falamos das claves da xestión de Fernández de Sousa e o afundimento da multinacional pesqueira.
O título do libro en que Valentín Carrera fai unha crónica urxente da que cualifica como a grande estafa piramidal de Pescanova, é contraditorio, xa que, recoñece, non hai crimes perfectos. Carrera traslada ás páxinas de Sucesos un dos episodios económicos máis negros da historia recente.
Milleiros de accionistas e centos de traballadores son vítimas dun burato de 3.600 millóns de euros que, di o autor, non se constrúe sen contar con cómplices ou consentidores. Vista a traxectoria, De Sousa non era merecedor dos recoñecementos que tivo como empresario modélico, apunta o escritor, quen ve un acto de desvergoña a demanda por despido improcedente.
Nos vindeiros días o xuíz que instrúe o caso decidirá se esa acción é merecedora de prisión provisional, como pide unha das acusacións.
Ver o vídeo da noticia (2:07):